Wednesday 15 de May de 2024

O presidente da Xunta preside a inauguración do VIII Día do Emprendedor


Feijóo reivindica a perseveranza e a importancia de aprender dos erros como chaves do éxito empresarial, porque “un país que non aprende é un país cativo”

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, reivindicou hoxe a perseveranza e a importancia de aprender dos erros como chaves do éxito empresarial. “Se non se chega á cima non pasa nada, porque a cima seguirá aí, esperándonos, para volver intentalo”, dixo. Puxo tamén en valor a importancia de aprender dos erros e seguir adiante fronte ao medo ao fracaso. “Un país que non aprende é un país cativo”, afirmou.

No marco do VIII Día do Emprendedor de Galicia, Feijóo reiterou o apoio da Xunta aos emprendedores, ben impulsando directamente a súa actividade, ben eliminando o maior número posible de trabas. “Os poderes públicos temos que estar presentes: en primeiro lugar, non estorbar; en segundo lugar, incentivar”, asegurou.

Destes dous xeitos, a Xunta recoñece e impulsa “o alcance e a importancia da creatividade, pois niso consiste ser emprendedor ”, recordou Feijóo. Os emprendedores vanse labrando este futuro con determinación, pero tamén con outras habilidades como saber fixar un obxectivo claro, facer unha boa planificación, buscar os recursos necesarios, avaliar correctamente os riscos e avanzar con prudencia.

É deste xeito como acadan as súas metas. “O obxectivo principal dun emprendedor é crear emprego —reflexionou Feijóo—, pois a diferenza entre dous empresarios é o número de empregos que crea, non a conta de resultados ou os millóns de euros que gañan”.

Recursos á disposición dos emprendedores
Feijóo sinalou que os emprendedores galegos teñen xa á súa disposición viveiros empresariais, aceleradoras, capital risco, mentores e business angels. Tamén citou os campos nos que as Administracións públicas deben apoialos: na formación, no asesoramento, no acceso ao financiamento, no apoio á innovación e na internacionalización, pois “o mercado para as empresas galegas é o mundo”.

Concluíu o discurso animando aos emprendedores a ser valentes cunha cita de Martin Luther King: “O importante é dar o primeiro paso con fe. Non hai que ver toda a escaleira, só dar o primeiro paso”, dixo.